DÍA DO APÓSTOLO

por El Responsable

“Europa representou ao Apóstolo Santiago a semellanza dos seus pelengríns: con esclavina e chapeu cubertos de cunchas-vieiras, un bordón na man dereita e un libro na esquerda; os pés descalzos i en actitude de andar, tal como se ve no cume da torre Saint Jacques, de París, a modo de Santo protector dos camiños, símbolo da alma viaxeira de Europa, a tal extremo que nas artes e na literatura o pelengrín santiaguista chegou a confundirse co Xudeu errante. Hespaña representou ao Apóstolo Santiago á semellanza dos guerreiros da Reconquista: montado nun cabalo branco e brandindo unha espada, terror de sarracenos, que xa vencidos e derrubados no chan, tal como foi descrito por Alfonso, o Sabio, na súa referencia da batalla de Clavijo. Este é o Santiago Matamouros, que se venera nas igrexas hispanas a modo de Patrón das Hespañas, como sempre se dixo: único caso dun Apóstolo de Cristo, representado en forma pouco evanxelizadora. Galiza representou ao Apóstolo Santiago a semellanza dos Patriarcas: sentado, en maxestade; un bastón na man esquerda e un pergameo na dereita; a cabeza erguida, os ollos enfiados cara ao ignoto Occidente e os beizos a repetiren aquel salmo de David: ‘No mar están os teus camiños e nas moitas augas as túas sendas’. Así o representou o mestre Mateo e así o esculpeu no Pórtico da Gloria, con réplica no altar maior, para recibir aos antigos visitantes da súa Catedral e decirlles que o mundo non acaba en Galiza, que Galiza non era un Fisterra senón un peirán avanzado de Europa cara ao continente que aínda estaba por descubrir. Estas tres advocacións do noso Señor Santiago -o pelengrín europeo, o guerreiro hispano e o patriarca galego- corresponden a tres feitos de suma trascendencia: Pola virtude dos camiños que conducían a Galiza, onde os diversos pobos da cristiandade se axuntaban e chegaron a cantar un mesmo himno, fíxose posible a unidade espiritual de Europa, a única conciencia moral europea que no decorrer dos séculos se pudo rexistrar. Polos ideaes cabaleirescos da Edade Media, creados polo xenio celta e nutridos pola fe que o sepulcro apostólico inspiraba, cerrouse Hespaña á marea sarracena e pudo salvarse a civilización occidental. E polo desexo de proseguir o camiño de Santiago, alén do cabo Fisterra venceuse o Mar tenebroso e fíxose posible o descubrimento de América. Velaí as tres sendas, os tres espíritos e os tres feitos en que é doado afincar a gloria deste día, un día tan grande que non hai outro que teña raíces máis fondas no sentimento popular galego, nin categoría universal máis elevada. Cicais fose posible escoller outra data máis íntima e privativa, das moitas que a nosa historia rexistra; pero ningunha superaría o prestixio e trascendencia que o día de hoxe ten.”

Sempre en Galiza, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Galaxia, 1996; pxs. 387-388.

Apóstolo Santiago

Advertisements